WhatsApp integra un buscador de GIF

mércores, 11 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

A aplicación de mensaxería de WhatsApp para Android continúa a recoller prestacións que cada vez son máis demandadas polos usuarios en ferramentas deste tipo e, por exemplo, na súa última versión podemos ver cambios curiosos, como a elevación do límite de imaxes que poden adxuntarse de vez de 10 a 30, e incorporouse unha funcionalidade moito máis interesante e de moda: un buscador de imaxes animadas en formato GIF para axilizar o feito de compartilas, ante a tendencia dos usuarios de empregar certas animacións célebres para expresar sensacións dun xeito moi visual.
Para poder gozar das novas prestacións temos que ter como mínimo a versión 2.17.6 de WhatsApp para Android (confiándose en que chegue a iOS en breve) e no caso da busca de GIF, para que apareza tal opción é preciso premer antes na emoticona sorrinte que hai no campo de texto para escribir unha nova mensaxe, o que despregará un menú de selección de emoticonas que na súa base presenta un selector para poder alternar entre teclear emoticonas ou elixir imaxes GIF animadas achegadas do popular buscador Giphy.

PUBLICIDADE