WhatsApp muda a súa aplicación para Windows
luns, 21 de xullo do 2025
A aplicación de WhatsApp para Windows está a actualizarse entre os usuarios participantes na beta da aplicación, engadindo acceso ás Canles, á vez que tamén permite consultar os Estados e as Comunidades, facendo máis doado acceder dende o ordenador a funcións que xa hai tempo que están normalizadas no móbil, pero esta renovación da aplicación agocha un detalle que está a recibir críticas: a aplicación deixa de ser nativa en Windows, e pasa a ser unha aplicación web camuflada.
A aplicación de WhatsApp para Windows hai anos non era máis que a versión web de WhatsApp disfrazada, pero resulta curioso que, tras bastante tempo como aplicación nativa para Windows decidan dar tal paso atrás, pois o uso de aplicacións web normalmente responde a un aforro de recursos, o que ten bastante sentido para pequenas empresas, pero non parece estar moi xustificado nunha aplicación tan masiva como WhatsApp dunha empresa tan forte como Meta.
Normalmente o funcionamento de WhatsApp como aplicación nativa supón un mellor aproveitamento de recursos do sistema (principalmente uso de memoria), polo que a renovación da aplicación de WhatsApp para Windows, aínda que amplíe funcións, provocará un uso pouco optimizado da memoria (podendo converterse nun devorador de RAM como acontece habitualmente con moitos navegadores web).
