WhatsApp notifica aos usuarios a eliminación das súas cotas anuais

mércores, 20 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

O anuncio de que WhatsApp eliminaba as cotas de subscrición a través dos medios antes de anunciar a medida por canles oficias da compañía puido resultar un chisco confuso, pero agora que no blog oficial figura tal información está confirmado que non haberá que volver pagar para gozar de WhatsApp, polo que os seus usuarios poderán estar tranquilos e non preocuparse polos sustos que está a dar a aplicación nas últimas horas, xa que moitos usuarios recibiron unha mensaxe no seu móbil co texto “Servizo de WhatsApp estendido. Nova data de caducidade: De por vida” para, acto seguido ver como se revertía o efecto con outra mensaxe que indicaba “Servizo de WhatsApp reducido”. De feito, a situación reiterouse varias veces para algúns, que chegaron incluso a ver como se estendía a caducidade do servizo até en tres ocasións, coa conseguinte confusión, pero agora parece estar normalizado o estado que en Android pode comprobarse en Axustes -> Conta -> Información de pagamento, onde aparecería que o servizo está activado “de por vida”, de xeito que xa non figuran os métodos de pagamento da renovación.
É de agardar que na vindeira actualización da aplicación desapareza totalmente a sección que permite comprobar a caducidade, porque ao eliminarse as cotas carecería de sentido, de xeito que tamén se evitarían así caducidades accidentais.
Do que aínda non hai resposta é do que acontece cos usuarios que pagaron varios anos de servizo para estar tranquilos. Recibirán un reintegro do seu pagamento? Terán algunha recompensa se o servizo incorpora algunha opción premium?

Nos axustes de WhatsApp podemos comprobar que o servizo está activado "De por vida".

PUBLICIDADE