WhatsApp permite conversar directamente co Microsoft Copilot

luns, 7 de outubro do 2024 Marcus Fernández

O Microsoft Copilot non só quere integrarse no noso escritorio informático para facer máis doado o uso de Windows 11 e achegar as posibilidades da intelixencia artificial ao paquete ofimático da compañía de Redmond, senón que tamén quere estar accesible de xeito doado dende o móbil, sen precisar a instalación da súa aplicación correspondente, o que podemos facer agora directamente dende WhatsApp.
Podemos iniciar unha conversa de WhatsApp directamente co Microsoft Copilot, para así interactuar co asistente en linguaxe natural, para conversar ou incluso crear imaxes en función das nosas necesidades.
Aínda que a conversa comezará inicialmente en inglés, podemos pedirlle ao asistente que converse connosco en galego e, aínda que non empregue unha ortografía e gramática perfectas, supón un interesante achegamento ao uso da IA dende dispositivos móbiles sen precisar de móbiles con prestacións avanzadas, chegando simplemente con ter unha conta activa en WhatsApp.