WhatsApp permítenos compartir a nosa posición en tempo real

martes, 17 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Dende hai uns meses o Messenger de Facebook ofrece a posibilidade de compartir a nosa posición en tempo real por tempo limitado, funcionalidade especialmente práctica á hora de quedar cos amigos ou simplemente para que a persoa cara á que nos diriximos poida prever o tempo que tardaremos en chegar, e finalmente esta mesma prestación chega a WhatsApp, de xeito que hoxe comezan a súa distribución entre os usuarios da aplicación de mensaxería instantánea máis empregada actualmente.
Deste xeito, WhatsApp é máis práctico para xuntarnos cos amigos e para avisar aos familiares de que chegamos a salvo de volta a casa, coa garantía de que esta información queda limitada á conversa na que a compartimos, ou sexa, que os datos coa nosa localización están protexidos por cifrado de extremo a extremo, dando ao usuario tamén o control sobre con quen se comparte a localización e durante canto tempo (podemos deixar de compartir a posición en calquera momento ou esperar a que o contador de tempo chegue á súa fin).
Para empregar a función de compartir a ubicación en tempo real chega con abrir unha conversa cunha persoa ou grupo, tocar o botón de adxuntar, seleccionar Ubicación e ir á nova opción de Ubicación en tempo real, na que podemos seleccionar unha duración e premer logo a Enviar. Cada participante da conversa poderá ver a localización en tempo real no mapa, e se o fan varias persoas á vez, todas as localizacións compartirán mapa, facilitando así o encontro de amigos.
Esta nova funcionalidade para Android e iPhone chegará progresivamente aos usuarios durante as vindeiras semanas.

PUBLICIDADE