WhatsApp permitirá compartir vídeos con alta calidade

venres, 30 de xuño do 2023 Marcus Fernández

Os desenvolvedores de WhatsApp levan uns meses co pé posto no acelerador, e non paran de preparar novidades para a ferramenta de mensaxería instantánea, e tras activar a posibilidade de elixir se as fotografías que mandamos aos nosos contactos ocupen pouco ou se envíen en alta resolución premendo un botón, agora trasladan esa mesma experiencia aos contidos multimedia, ou sexa, que na versión de proba de WhatsApp para Android xa hai quen pode seleccionar o envío de ficheiros de vídeo en alta calidade.
Ao igual que acontece co envío de imaxes, será posible escoller entre comprimir os vídeos para que ocupen pouco (e o seu envío e recepción sexa máis áxil) ou que se envíen con máis calidade. Iso non supón que se envíen os vídeos sen comprimir (o sistema continúa aplicando certo nivel de compresión, agás que enviemos os ficheiros como documentos) pero é unha opción magnífica para o envío de vídeos nos que a calidade sexa importante, e a conversión que habitualmente aplicaba WhatsApp provocaba unha degradación que levaba aos usuarios a ter que buscar xeitos alternativos de compartir os vídeos.