WhatsApp permitirá empregar varias contas nun único teléfono

venres, 16 de xuño do 2023 Marcus Fernández

Tras facilitar o uso de WhatsApp en varios teléfonos á vez, a aplicación de mensaxería estar a desenvolver unha nova funcionalidade que xa se deixa ver na versión para empresas da aplicación e que consiste na posibilidade de empregar varias contas de WhatsApp no mesmo dispositivo.
A funcionalidade de multi-conta dentro de WhatsApp aínda non está completa, pero prevese que chegue en moito pouco tempo, funcionando dun xeito moi semellante a como funciona, por exemplo, a aplicación de Instagram, de xeito que é doado alternar entre as distintas contas que teñamos nun mesmo dispositivo a través dun menú.
Esta posibilidade non é só atractiva para usuarios que teñen unha liña telefónica persoal e outra profesional, senón que tamén resulta moi interesante para xestionar varias contas de empresa, pois estase a potenciar o uso de WhatsApp para relacionarse cos clientes, e non faltan os profesionais que teñen que atender ás relacións cos clientes de varias marcas, e poder facer tal xestión dende un único dispositivo simplifica moito o traballo.

PUBLICIDADE