WhatsApp prepara medidas contra as comunicacións de descoñecidos

luns, 19 de agosto do 2024 Marcus Fernández

A versión 2.24.17.24 da beta de WhatsApp para Android presenta trazas dunha nova funcionalidade de privacidade de WhatsApp que pode resultar de grande axuda, especialmente para usuarios susceptibles de ser vítimas de calotes, xa que permitiría bloquear mensaxes de contas descoñecidas.
As funcións de privacidade xa permitían opcións como protexer os enderezos IP dos usuarios durante as chamadas (para evitar o rastrexamento xeográfico) ou a desactivación de previsualización de ligazóns (evitando así o rastrexamento por parte de páxinas web), e agora irían un paso máis adiante, facilitando que os usuarios poidan evitar as comunicacións de descoñecidos, o que pode ser moi práctico para menores ou para persoas susceptibles de calotes baseados na suplantación de identidade.
Cómpre salientar que esta medida de seguridade non bloquearía todas as mensaxes de números descoñecidos, senón que limitaríase a contas de usuario que superasen certos volumes sen especificar, ou sexa, que podemos entender que están a preparar medidas contra as contas empregadas para publicidade non desexada e calotes, sen que iso impida, por exemplo, un primeiro contacto cunha persoa que non teñamos aínda na axenda do móbil.