Wifi Porter permite compartir a configuración da nosa Wi-Fi cun toque

martes, 22 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Ten One Design está a lanzar un produto moi interesante para locais públicos, salas de xuntanzas ou fogares nos que é habitual ter convidados, o Wifi Porter, un pequeno dispositivo que facilita a configuración de redes Wi-Fi no noso smartphone sen ter que introducir complexos contrasinais valéndose de NFC e, no caso de non contar con tal tecnoloxía, cun código QR.
Este pequeno trebello pode colocarse ao alcance dos convidados e con só achegarlle un instante o móbil, transmite o nome dunha rede Wi-Fi e o seu correspondente contrasinal para que o usuario poida conectarse rapidamente en sen erros de transcrición, sendo compatible cos móbiles con NFC, ou sexa, os teléfonos con Android que soportan pagamentos contactless (aproveitando a funcionalidade One-Tap Wifi presente dende Android 5.0) e os últimos iPhone, mentres que se temos un iPhone anterior a 2018 podemos empregar a cámara para escanear un código QR situado na parte traseira do Wifi Porter que tamén facilitará o proceso de configuración da rede sen fíos. En móbiles Android sen NFC tamén será posible empregar un lector de códigos QR.
O Wifi Porter ten un acabado de madeira, para ter unha aparencia discreta, e para a súa configuración chega con empregar unha aplicación para iOS ou Android na que introduciremos a rede Wi-Fi e o contrasinal que queremos compartir cos nosos convidados.
Esta curiosa solución para compartir a nosa rede Wi-Fi pode adquirirse por 39,95 dólares, o que con gastos de envío sae nuns 44 euros, podendo solicitarse que co produto se remitan tamén pequenas tarxetas de instrucións para colocar xunto ao Wifi Porter para que as visitas saiban de que se trata.

O Wifi Porter pode integrarse co contorno dun xeito elegante grazas ao seu acabado en madeira

PUBLICIDADE