Will Smith convértese en youtubeiro

martes, 20 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Que figuras anónimas consigan sona internacional a través de YouTube é algo que cada vez sorprende menos, pero que a estas alturas unha celebridade consolidada estree canle en YouTube pode resultar máis rechamante, sendo moi rechamante o caso de Will Smith, músico e actor que conta agora cunha canle de YouTube de seu que está a piques de chegar aos 700.000 subscritores, facendo que xurdan incógnitas como a súa motivación para facer tal, se o público seguirao con maior intensidade que a youtubeiros puros ou se un actor de 49 anos será capaz de captar a atención das novas xeracións ou se simplemente terá unha nova vía para chegar aos seus seareiros de sempre.

JPEG - 60.9 KB
Smith amosando o ridículos que son algúns accesorios para cámaras que mercan os novos youtubeiros de xeito impulsivo

Polo momento os vídeos de Smith son pouco serios, e non parecen ter grandes pretensións, amosando experimentos curiosos, contando anécdotas, facendo parvadas e, en definitiva, tratando de capturar a esencia dos vídeos que teñen éxito actualmente en YouTube e, de feito, incluso pode notarse certa inspiración no formato dos vídeos de Casey Neistat (quen acumula 8,9 millóns de subscritores en YouTube e un dos seus vídeos incluso superou os 49 millóns de reproducións).
Dá a impresión de que a intención de Will Smith é ofrecer un vídeo cada semana, como un xeito de congregar á súa audiencia, aproveitando así tamén para dar unha maior proxección ás súas actividades, o que pode supor un pulo á promoción dos seus filmes, e abrir tamén novas oportunidades, ao presentar unha nova face pública da súa persoa.

Último vídeo da canle de Will Smith

PUBLICIDADE