Windows 10 actualizarase o 17 de outubro

venres, 1 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Microsoft aproveitou a súa presenza na feira IFA de Berlín para por finalmente a data de lanzamento para a vindeira grande actualización de Windows 10, a chamada Fall Creators Update, que comezará a súa distribución oficial o vindeiro 17 de outubro, o que non tería excesiva importancia se non fose porque a actualización incorpora o soporte de Windows Mixed Reality, de xeito que a data fixada é tamén o disparo de saída do seguinte paso da realidade virtual para ordenadores persoais: a realidade mixta.
Para avanzar nesta última liña Microsoft chegou a acordos de colaboración con fabricantes como Acer, Asus, Dell, HP ou Lenovo, que comercializarán cascos de realidade mixta para PC con prezos que partirán dos 299 dólares, e aínda que moitos destes dispositivos tardarán meses en chegar ás tendas, confirman que os primeiros cascos estarán dispoñibles coincidindo co lanzamento da actualización de Windows 10.
Unha das cousas máis prometedoras da realidade mixta de Windows 10 é que será compatible co software de SteamVR, ou sexa, que haberá un impresionante número de xogos e aplicacións dispoñibles para a súa compra dende o primeiro día, o que é un grande incentivo para animarse a dar o salto a este novo eido creativo.
Cómpre lembrar que non todos os novos cascos de realidade mixta custarán 299 dólares, senón que semella que o prezo do casco máis habitual será o de 349,99 dólares, aos que habería que sumar 100 dólares de querer completalos cuns mandos de control axeitados. Pero este investimento ten importantes vantaxes fronte ás solucións actuais: por unha banda temos que o prezo é inferior, e logo tamén está o detalle de que a súa instalación é moito máis sinxela, non precisando da colocación de sensores na habitación. Tamén é posible que esta tecnoloxía teña máis futuro que as promovidas por Oculus e HTC simplemente polo feito de que non depende dunha única marca, o que permitirá que haxa unha maior competencia no mercado e tamén permitirá que os usuarios poidan elixir entre distintos produtos en función de factores como o deseño, as prestacións ou o prezo.
A actualización de Windows 10 tamén incluirá melloras na tinta de Windows (ou sexa, que os usuarios de dispositivos con lapis dixitalizador poderán tirar un maior proveito do mesmo), os arquivos na nube de Microsoft (OneDrive) poderán estar dispoñible baixo demanda (sen facer uso do almacenamento local), estrea un modo especial para videoxogos que permite tirar un mellor proveito do equipo durante as partidas e incluso mellora a accesibilidade (incorpora Eye Control, un sistema de seguimento da mirada que permite que, por exemplo, usuarios afectados por ELA poidan empregar o ordenador coa mirada).

PUBLICIDADE