Windows 10 contará cun plan de enerxía que maximizará o rendemento dos equipos

xoves, 15 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Microsoft está a distribuír unha nova versión de proba do que será a vindeira grande actualización de Windows 10, incorporando novidades que poden resultar un tanto superficiais (como a renovación de deseño de varias emoticonas) ou melloras no que se refire ao control de permisos das aplicacións (de xeito que poderemos decidir se unha aplicación particular pode ou non acceder ao noso sistema de ficheiros completo). Pero o que realmente é interesante a estrea dun novo perfil enerxético en estacións de traballo con Windows 10 Pro, que agora contará cunha configuración de Rendemento definitivo, que permitiría aproveitar máis o noso hardware que o plan de Alto rendemento, de xeito que en equipos nos que o consumo enerxético non sexa un problema poderase establecer unha política de alto rendemento para maximizar a potencia do equipo.
O plan enerxético de Rendemento definitivo poderá chegar activado de xeito predeterminado en novos equipos ou ser unha opción elixida polo usuario a través do respectivo panel de control de administración de enerxía. Este modo de funcionamento, que reduciría as micro-latencias, estaría dirixido a ordenadores que non funcionen con batería, pois o seu consumo sería bastante superior que o modo Equilibrado no que funcionan habitualmente os sistemas informáticos.

PUBLICIDADE