Windows 10 permitirá interactuar co noso smartphone de xeito remoto

mércores, 3 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Tu Teléfono replicará a pantalla do smartphone no escritorio informático para poder atender certas notificacións sen ter que coller o móbil

Dende Windows 10 levan tempo traballando en mellorar a comunicación cos smartphones con Android para así simplificar certos fluxos de traballo e permitir poder atender comunicacións que chegan ao teléfono dende o noso equipo informático. Este tipo de funcionalidades chegaron inicialmente a través dun complemento da aplicación de Fotos de Windows 10, que había que instalar no móbil, e que rematou converténdose na aplicación Tu Teléfono, que funciona no ordenador en combinación cunha aplicación compañeira no smartphone.
Até o momento Tu Teléfono permite acceder ás fotografías do móbil dende o ordenador, consultar as mensaxes recibidas no teléfono e poder recibir tamén as notificacións, de xeito que non temos que botar a man ao teléfono cada vez que o escoitemos chiar mentres traballamos no ordenador. Pero esta última opción está a evolucionar, no que chaman Phone screen, e que permite manexar o smartphone de xeito remoto dende o PC, integrando tal función nas notificacións, ou sexa, que cando recibamos un aviso do móbil dende o ordenador poderemos ver a pantalla do teléfono no escritorio informático e responder ao aviso sen ter que quitar o teléfono do peto.
Esta nova funcionalidade sería especialmente práctica para aplicacións con certa compoñente gráfica como poderían ser as de mensaxería instantánea, que poderíanse ver reflectidas na pantalla do ordenador permitindo un nivel de interacción bastante elevado.
Esta prestación, en probas dende hai varios meses no programa Windows Insiders, está agora a espallarse entre os usuarios ordinarios de Windows 10, aínda que para operar precisa dunha versión de Windows 10 a partires da 18338 e dun smartphone ao alcance do Bluetooth do equipo que estea entre unha selección de smartphones (os Samsung Galaxy a partires do S8 e o Note8, así como os Galaxy A8 e A8+ e os OnePlus 6 e 6T).

PUBLICIDADE