Windows 11 actualízase para tirar maior proveito da IA

martes, 1 de outubro do 2024 Marcus Fernández

A vindeira actualización de Windows 11 para os equipos Copilot+ PC vai integrar novidades que os usuarios levaban tempo agardando, e que en esencia supoñen por fin un aproveitamento da intelixencia artificial dende as ferramentas incluídas no sistema operativo, conseguindo así un uso máis natural.
Unha das funcións máis agardadas, Recordar, que garda capturas de pantalla do que facemos no ordenador para logo poder realizar buscas sobre o que fixemos anteriormente, por fin estará dispoñible nunha versión preliminar que incorpora numerosas novidades para que esta prestación sexa o máis segura posible.
Tamén poderemos gozar da versión preliminar de Click to Do, que consiste na superposición dunha capa interactiva sobre a pantalla do ordenador, con suxestións de accións rápidas sobre imaxes (como realizar buscas visuais a través de Bing, aplicar desenfoque de fondo a unha imaxe, eliminar obxectos dunha imaxe en Fotos ou quitar fondos en Paint) ou texto (como reescribir, resumir ou explicar contidos).
O buscador de Windows tamén mellora substancialmente, de xeito que permite localizar imaxes en OneDrive baseándose no seu contido, facendo uso de linguaxe natural, de xeito que non é preciso lembrar os nomes dos ficheiros.
Fotos permite agora utilizar a intelixencia artificial para mellorar a resolución de fotografías borrosas ou pixeladas, o que resulta especialmente práctico para recuperar fotografías antigas.
O Paint deixa de ser unha aplicación menor, e agora tamén conta con ferramentas de IA, contando incluso con recheo e borrado xenerativos, facilitando a eliminación de elementos non desexados en imaxes, ou incluso engadir elementos onde se desexe. Deste xeito temos característica propias de aplicacións como o Adobe Photoshop directamente no editor de imaxes incluído en Windows.
A actualización de Windows 11 inicia a súa distribución hoxe mesmo, polo que os posuidores dun equipo Copilot+ PC poden xa comezar a experimentar coas novas posibilidades do sistema operativo de Microsoft.