Windows 11 estrea beta

venres, 30 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Tras a presentación de Windows 11 ofreceuse a posibilidade de que os usuarios se unisen a diferentes programas de beta do vindeiro sistema operativo de Microsoft, sendo a máis rápida en recibir actualizacións a dirixida a desenvolvedores e considerada pouco estable, ou sexa, non recomendada para equipos en produción, xa que pode dar problemas.
Varias son as actualizacións que foron chegando desta versión de Windows 11, que polo momento podemos dicir que limítase a ofrecer o aspecto gráfico de Windows 11 sobre unha base de Windows 10, e finalmente anunciouse a chegada da primeira versión de proba dirixida aos usuarios normais no programa Windows Insider.
Con esta primeira versión de Windows 11 dentro do Beta Channel confírmase o avance desta actualización que recibirá Windows 10 en equipos fabricados nos últimos anos, e os curiosos que estivesen no arriscado Dev Channel poden agora mudar de anel de distribución de versións de proba se queren gozar dunha experiencia máis estable, aínda que tarden algo máis en recibir as novidades do sistema.
Entre as últimas novidades que están a chegar á versión de proba de Windows 11 está a integración do Chat de Microsoft Teams, axustes estéticos no xeito de amosar as aplicacións ocultas na barra de tarefas, estréase un xeito de que as aplicacións en segundo plano avisen de que precisan atención, optimízase o funcionamento da tenda de aplicacións e moitas outras pequenas melloras.
Polo momento parece quedar lonxe a prestacións máis agardada: a posibilidade de instalar aplicacións para Android en Windows 11.

PUBLICIDADE