Windows 11 potenciará a xeración de subtítulos en tempo real

mércores, 18 de decembro do 2024 Marcus Fernández

Aínda que Windows xa incorpora sistema de subtítulos automáticos dende hai tempo, pretenden que esta prestación estea integrada dentro das posibilidade de IA dos Copilot+ PC, e por iso están a probar entre os insiders do Dev Channel de Windows 11 unha nova solución de subtítulos en tempo real, que neste momento é capaz de traducir máis de 44 idiomas ao inglés.
Falamos dunha tecnoloxía que non se limita a vídeos que reproduzamos na web, senón que tamén serviría para videoconferencias, gravacións e contido en streaming. A funcionalidade segue a ter como corazón o inglés, pero neste momento están a ampliar a tradución en tempo real ao chinés, e entre os idiomas que soporta esta tecnoloxía estarían o árabe, o búlgaro, o checo, o alemán, o inglés, o español, o estonio, o finés, o francés, o hindi, o húngaro, o italiano, o xaponés, o coreano, o lituano, o noruegués, o holandés, o polaco, o portugués, o romanés, o ruso, o eslovaco, o esloveno e o sueco.
Polo momento, esta tecnoloxía estaría a espallarse entre os equipos con procesadores Snapdragon, pero está a levarse paulatinamente a equipos con procesadores AMD e Intel, certificados como Copilot+ PC.
Temos aquí un exemplo de que a aposta de Windows 11 pola IA é un proxecto en pleno desenvolvemento, polo que poderiamos tardar bastantes meses en ver realmente como se concretan moitas das promesas de Microsoft ao presentar o concepto de ordenadores potenciados pola IA.