Windows 11 prepárase para unha maior integración da IA
xoves, 16 de outubro do 2025
Microsoft anunciou unha profunda evolución de Windows 11, coa intención de converter cada ordenador nun PC con IA. A través dunha serie de actualizacións, o sistema operativo integra de forma nativa o asistente Copilot, que agora pode interactuar por voz, analizar o que aparece na pantalla e realizar accións directas sobre ficheiros locais. A empresa define esta nova etapa como un cambio de paradigma, comparable á introdución do rato ou o teclado, e aposta por unha experiencia máis natural, conversacional e proactiva.
Entre as novidades máis destacadas está o comando Hey Copilot, que permite iniciar unha conversa co asistente sen necesidade de escribir. Tamén se presenta Copilot Vision, unha funcionalidade que analiza o contido da pantalla para ofrecer axuda contextual, orientación paso a paso ou recomendacións personalizadas. Ademais, Copilot Actions permite que o asistente realice tarefas sobre documentos e imaxes almacenadas no dispositivo, como organizar fotos ou extraer información dun PDF, todo coa supervisión do usuario.
A integración con servizos como OneDrive, Outlook, Gmail ou Google Calendar permite recuperar contidos persoais mediante linguaxe natural, e agora tamén é posible exportar directamente os resultados das interaccións a Word, Excel ou PowerPoint. No ámbito do entretemento, Microsoft introduciu Gaming Copilot, un asistente que ofrece axuda mentres se xoga, especialmente en dispositivos como o ROG Xbox Ally.
Porén, estas funcionalidades non están dispoñibles de forma completa na Unión Europea. A pesar de que Copilot está presente en Windows 11, moitas das capacidades máis avanzadas (como a análise de pantalla, as accións automatizadas ou a integración con servizos externos) están desactivadas ou limitadas por defecto nos paÃses europeos.
Microsoft asegura que está a traballar para adaptar estas experiencias ao marco legal europeo, pero non ofreceu datas concretas para a súa dispoñibilidade. Mentres tanto, os usuarios da UE só podemos acceder a versións parciais das novas capacidades, polo que a revolución da IA en Windows 11 está en marcha, pero toca agardar.
VÃdeo promocional do novo control por voz de Windows 11 mediante Copilot
