Windows 365 Link: un ordenador económico para traballar na nube

martes, 19 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Microsoft leva un tempo promovendo o concepto de Windows na nube, e para facilitar a súa adopción presentan o Windows 365 Link, o primeiro ordenador deseñado especificamente para traballar co sistema operativo na nube de Microsoft.
Falamos dun ordenador moi compacto, capaz de mover até 2 monitores 4K simultaneamente, que como conectividade ofrece 4 portos USB, un porto Ethernet, Wi-Fi 6E e Bluetooth 5.3, de xeito que temos unha solución apta para traballar con periféricos sen fíos ou con cable.
Esta solución promete grande seguridade polo mero feito de que non almacena datos nin aplicacións en local, senón que o traballo se realiza en remoto, e incluso permite empregar solucións de identificación de usuarios como Microsoft Entra ID para evitar ataques baseados en contrasinais.
Para as empresas estamos ante equipos que poden resultar prácticos, xa que pode xestionarse unha frota de ordenadores dun xeito doado, podendo tamén aplicarse as actualizacións de xeito automático en horarios nos que os equipos non estean en uso.
Para o traballo remoto tamén son unha grande solución, xa que pode realizarse o envío dos equipos directamente aos usuarios finais, simplificando a loxística, de xeito que os usuarios só teñen que identificarse coa súa conta profesional para comezar a traballar en poucos minutos.
Os ordenadores Windows 365 Link poranse á venda en abril de 2025 a un prezo de 349 dólares, estando previsto que a partir do 15 de decembro empresas de EE.UU., Canadá, Reino Unido, Alemaña, Australia, Nova Zelandia e Xapón poidan participar nun programa preliminar para ter un primeiro achegamento a esta interesante solución que afonda no concepto de clientes lixeiros que tantos anos leva presente en moitas compañías.

Vídeo promocional do Windows 365 Link