Windows 8 chega á súa versión final e venderase a súa actualización por 29,99 euros
xoves, 2 de agosto do 2012
Microsoft
anunciou a dispoñibilidade da versión RTM (Release to Manufacturing) de Windows 8, o último paso no proceso de lanzamento do novo sistema operativo de Microsoft, que chega así á súa versión definitiva, para que os seus partners poidan comezar a integrala de
cara ao lanzamento mundial de Windows 8 o vindeiro 26 de outubro, data na que os actuais usuarios de Windows poderán actualizar o seu sistema operativo por 29,99 euros, mentres que os que compren un PC con Windows 7 poderán actualizar por só 14,99 euros.
Deste xeito, desenvolvedores, profesionais do sector TIC e socios de Microsoft
recibirán durante este mes o código da versión RTM de Windows 8 seguindo o
seguinte calendario:
15 de agosto: os desenvolvedores que están a traballar en aplicacións para Windows 8 poderán descargar a versión final a través da súa subscrición a MSDN, podendo tamén acceder ao código os profesionais do sector que xa están a probar Windows 8 nas súas empresas.
16 de agosto: os clientes con Microsoft Software Assurance para Windows poderán descargar Windows 8 Enterprise a través do Centro de Servizos de Licenzas por Volume (VLSC) para poder comezar a adoptar tal versión de Windows na súa organización. Tamén os membros da Microsoft Partner Network poderán acceder a Windows 8.
20 de agosto: os que teñan Microsoft Action Pack Providers (MAPS) recibirán acceso a Windows 8.
1 de setembro: os clientes con licenzas por volume que non teñan Microsoft Software Assurance poderán adquirir Windows 8 a través do seu provedor habitual.