Windows Hello permitirá que nos identifiquemos biometricamente ante os nosos equipos informáticos

martes, 17 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Dentro das tecnoloxías que Microsoft está a desenvolver para conseguir que Windows 10 achegue unha experiencia de uso máis persoal desvelan Windows Hello, un novo sistema de autentificación biométrica que facilitará o acceso instantáneo a dispositivos con Windows 10, grazas a que o sistema recoñecerá a cara do usuario, o seu iris ou a súa pegada dixital, como alternativa á introdución dun contrasinal tradicional.
Este método de identificación biométrica empregará distintas tecnoloxías de identificación, que buscan ser máis seguras que un contrasinal tradicional, facendo que o usuario e o seu dispositivo sexan a chave de Windows, as aplicacións, a información, e incluso páxinas web e servizos en liña.
Windows Hello será compatible con vellos lectores de pegadas dixitais, pero tamén promoverá o uso de detección facial ou de iris, para o que precisaría de hardware especial e de software que verifique á persoa con certa precisión, de xeito que non se poida enganar ao sistema, por exemplo, mediante unha fotografía (como acontecía con moitos móbiles que permitían desbloquear o terminal coa cara do usuario). Estes sistemas estarían baseados en infravermellos, o que permitiríalles funcionar en diferentes condicións de iluminación, na liña de como xa facía o sensor Kinect da Xbox 360.
Microsoft quere que unha vez identificada unha persoa, esta poida empregar aplicacións e servizos en liña sen ter que andar a introducir o seu contrasinal unha e outra vez (o que pode comprometer a seguridade) para o que propón o uso de Passport, unha solución que tras a identificación biométrica entes mencionada non precisaría de ter que introducir credenciais de acceso en numerosos servizos que empreguemos logo, o que incrementaría a comodidade e incluso a seguridade dos nosos accesos, sendo o usuario o que controlará como se aplicarán á súa persoa as tecnoloxías de Windows Hello e Passport. De feito, a sinatura biométrica de cada persoa quedará almacenada no seu equipo local, de xeito que tal información non viaxaría pola Rede, manténdose segura, o que lembra bastante ao funcionamento do Touch ID de Apple.
Para poder tirar proveito de Windows Hello, dende Microsoft instan aos fabricantes a integrar nos seus equipos con Windows 10 a Intel RealSense 3D Camera (F200) que soporta o desbloqueo baseado na identificación facial e de iris, o que permitirá unha identificación automática nos nosos equipos e permitirá o desbloqueo de Passport sen ter que introducir ningún PIN.


Vídeo de presentación de Windows Hello e Passport

PUBLICIDADE