Withings presenta unha solución de mans libres para facer análises de urina

xoves, 5 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Withings está a converterse nunha das marcas máis salientables do CES de Las Vegas grazas á presentación de U-Scan, unha solución de análise de urina de mans libres dende o fogar, que consiste nun pequeno dispositivo con forma de disco de 9 centímetros de diámetro que debe colocarse no inodoro e que actúa como un laboratorio sanitario conectado que achega un resumo inmediato da saúdo corporal mediante a detección e seguimento dunha grande variedade de biomarcadores na urina e incluso ofrece consellos prácticos para a saúde do usuario.
O U-Scan emprega cartuchos de proba intercambiables deseñados para avaliar biomarcadores específicos, de xeito que non é preciso tomar mostras ou utilizar tiras externas, integrando cada marcador unha ducia de cápsulas de proba que conteñen distintos tipos de probas de biomarcadores. Deste xeito o usuario pode controlar unha ampla variedade de datos de saúde de xeito regular, na comodidade e intimidade do seu cuarto de baño.
Para tirar un proveito directo desta solución Withings desenvolveu un par de aplicacións: Cycle Sync (para facer un seguimento das flutuacións hormonais mensuais das mulleres) e Nutri Balance (para avaliar o impacto da nutrición e a inxestión de auga no metabolismo).
Aínda que Withings anuncia o U-Scan como un produto de consumo (non conta coas autorizacións precisas para consideralo un dispositivo médico), ten previsto un uso profesional sanitario do mesmo, de xeito que os cartuchos do dispositivo son personalizables, facilitando así o seu uso en programas de saúde, facilitando a monitorización remota de pacientes ou a participación en ensaios clínicos.

Vídeo promocional do U-Scan de Withings

PUBLICIDADE