Women in Games organiza en novembro o seu terceiro evento anual na Coruña

mércores, 30 de outubro do 2019 Redacción

Women in Games, a asociación de mulleres desenvolvedoras de videoxogos no ámbito estatal, vai organizar o seu terceiro evento anual na Coruña, máis en detalle no salón de actos da Facultade de Comunicación Audiovisual. Será o vindeiro 12 de novembro e contarase coa participación de Sara Álvarez Cubelos (responsábel da creatividade de contornas e ambientes -environments- en Gato Studio), Eugenia Suárez Núñez (creadora 3D en Gato Studio), Bárbara Martínez Solé (creadora de contornas en Gato Studio) e Ana Barrós Calvete (co-fundadora de Identik3D).
O evento será de balde, e consistirá nunha serie de clases maxistrais sobre cada unha das especialidades das relatoras (terreo, personaxes, escenarios e impresión 3D, respectivamente), precedidas por un panel no que explicarán o seu traballo: en que consiste, cales son as súas responsabilidades, por que optaron por esa especialización e que estudaron para conseguilo.
A edición de 2019 está coordinada pola embaixadora local de Women in Games na Coruña, María Fernández Hermida, en colaboración coa Universidade da Coruña e a Facultade de Comunicación Audiovisual e patrocinada por Campus Innova, o Centro de Estudos de Xénero e Feministas CEXEF), Gato Studio e Google.
A asociación
Women in Games (WiGJ) é unha asociación internacional con sede en Londres que traballa a día de hoxe para incrementar o número de mulleres que se adican profesionalmente ao sector dos videoxogos, e do que na actualidade conforman tan só en torno a un 20%. En marzo de 2017, WiGJ, en colaboración con Google, lanzou o Programa de Embaixadores de Women in Games. A dirección da asociación nomeou a 40 persoas chave (número que na actualidade acada xa as 114), distribuídas ao longo de máis de 10 países, co obxecto de que traballen localmente para promover os obxectivos da asociación na súa contorna máis inmediata, a través do desenvolvemento de eventos, congresos, charlas, mesas redondas, obradoiros, etc. destinados a un público mixto, pero con especial interese nas profesionais que xa traballan na industria ou que están interesadas en facelo.

PUBLICIDADE