World of Popus será o novo xogo de Small Wonders

venres, 22 de outubro do 2010 Marcus Fernández

O estudo lugués Small Wonders iniciou o ano co seu xogo para iPhone Battle of Puppets, e para rematar 2010 con bo sabor de boca lanzarán o vindeiro 7 de novembro o seu segundo título, World of Popus, que pretende achegar unha experiencia divertida e doada para os pequenos momentos de lecer, permitíndonos tomar o papel do Deus dos Popus, para guiar a estes tolos personaxes por escenarios cambiantes que inclúen labirintos, carreiras e xogos de estratexia repartidos en 15 fases totalmente diferentes e que podemos superar en 2 modos de xogo (normal e desafío).
World of Popus contará cunha interface de control nova, intuitiva e divertida; no xogo poderán coleccionarse 15 Popus; estas criaturas poderán morrer dun milleiro de xeitos distintos (que poden coleccionarse coma imaxes animadas nunha galería) e incluso incorpora a posibilidade de gañar logros.
Agardemos que consigan tanto éxito coma Battle of Puppets, e confirmen que dende Galicia é posible desenvolver xogos con repercusión internacional.


Vídeo de introdución do novo videoxogo lugués

PUBLICIDADE