World of Warcraft: Cataclysm vende 4,7 millóns de copias nun mes

martes, 11 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Blizzard Entertainment parece ter atopado a fórmula do éxito co seu xogo World of Warcraft, pois consegue reter a millóns de usuarios a nivel mundial pagando cotas mensuais para participar do seu xogo en liña e incluso establece un record de vendas de copias dun xogo para PC no seu primeiro mes á venda ao superar os 4,7 millóns de copias de Cataclysm, a terceira expansión deste título que chegou ás tendas españolas o 7 de decembro (e que superou os 3,3 millóns de copias no seu primeiro día, rachando a anterior marca de 2,8 millóns de copias establecida precisamente pola segunda expansión de World of Warcraft).
World of Warcraft: Cataclysm é froito de moitos meses de desenvolvemento por parte do equipo de Blizzar, que creou milleiros de novas misións, novos territorios por explorar e redeseñou unha ampla parte do mundo do xogo, o que claramente contribuirá a reter os 12 millóns de xogadores que ten este título considerado imbatible (especialmente tras a sucesión de fracasos por parte dos seus competidores).

PUBLICIDADE