X, Bluesky e Meta reaccionan de xeito oportunista ao bloqueo de TikTok nos EE.UU.

luns, 20 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Se de algo podemos acusar ás empresas tecnolóxicas é de oportunismo, e se cando X pasou por malos momentos emerxeron plataformas como Threads e Bluesky, agora que TikTok ten un bloqueo temporal nos EE.UU. dende Bluesky aproveitan para lanzar un feed personalizado para vídeo (que basicamente é unha cronoloxía de vídeos na que moverse deslizando o dedo como se fai con TikTok), dende X permiten en EE.UU. que os usuarios coloquen unha opción no seu menú inferior dedicada á navegación baseada en vídeos (que xa funcionaba ao xeito de TikTok dende hai bastante tempo) e dende Instagram consolidan a modificación do deseño dos seus perfís de usuario (con miniaturas verticais en vez de cadradas) e o seu máximo responsable, Adam Mosseri, anuncia Edits.
Aínda que a aplicación de Edits non ten previsto o seu lanzamento até o mes de marzo, Mosseri aproveitou o feito de que CapCut está fóra de servizo nos EE.UU. para dar a coñecer a súa copia descarada, que xa está presente na App Store en reserva.
Edits será un editor de vídeo en liña de balde que permitirá crear vídeos de até 10 minutos de duración que compartir de xeito doado a 1080p en Instagram e co reclamo de que non incluirá marcas de auga de ningún tipo. O editor contará con numerosas tipografías, efectos de son e vídeo, adhesivos, filtros de mellora de son, subtítulos automáticos, animación de imaxes mediante IA e moitas outras funcións coas que buscan ser unha alternativa sólida a CapCut, editor que gañou moita relevancia nos últimos anos até converterse no grande referente para a edición de vídeo en dispositivos móbiles (contando tamén con bastantes partidarios en equipos informáticos dada a súa facilidade de uso e as súas grandes posibilidades).