X TV bota a andar de xeito accidentado

martes, 3 de setembro do 2024 Marcus Fernández

X TV está dispoñible en televisores de LG

No mes de abril Linda Yaccarino adiantaba que X estaba a preparar unha aplicación específica para televisores, e agora anuncian que X TV está dispoñible para dispositivos Android Fire TV, televisores de LG e televisores con Google TV, chegando a máis dispositivos en breve.
Entendemos que a aplicación aínda está a espallarse nas tendas de aplicacións, pois na única plataforma que conseguimos instalala foi en televisores LG, onde o funcionamento da aplicación é sumamente inestable, tardando varios segundos en reproducir correctamente os vídeos, con claros problemas de desempeño nos menús e chegando a bloquearse completamente durante a reprodución dun vídeo en directo (obrigando a volver identificarse ao reabrir a aplicación) e, en todos os casos, ofrecendo unha calidade de imaxe sensiblemente inferior á de plataformas alternativas como YouTube.
X TV en televisores con moi poucas opcións e a súa interface deixa claro que non tivo en conta a natureza dos contidos compartidos en X, xa que mestura vídeos en vertical con vídeos en horizontal, de xeito que as miniaturas dos vídeos aparecen mutiladas sen optimización de ningún tipo (por exemplo, nos vídeos cunha muller falando, en vez de encadrarse o recorte para que se vexa a súa cara, normalmente córtaselle a cabeza para enmarcar os peitos, o que é unha boa mostra da pouca sensibilidade coa que se creou esta aplicación).
Resulta bastante rechamante que X estea a apostar polo vídeo cando por outra banda reduce o seu investimento en servidores e incluso ten problemas para manter unha retransmisión en directo de audio, dando a impresión de que a súa intención é unicamente atraer a publicidade propia de plataformas de vídeo.