X elimina o texto das vistas previas a ligazóns

xoves, 5 de outubro do 2023 Marcus Fernández

As ligazóns en X represéntanse agora cunha imaxe que simplemente indica o nome do dominio da Internet ao que levará ao usuario, omitindo o título da páxina e un extracto do seu contido

En agosto Elon Musk asegurou que pretendía eliminar os titulares e os extractos de texto dos artigos compartidos a través de X/Twitter, deixando visible unicamente unha imaxes dos mesmos, que actuarían como ligazón asegurando que se trataba cunha mellora estética, obviando que o xeito orixinal de amosar as ligazóns era de grande utilidade para evitar calotes e cebos que buscan a visita doada, e finalmente concretouse este cambio tan criticado, nun intento de Musk a que os medios de comunicación opten por publicar máis contido en X en vez de levar aos lectores ás súas propias páxinas web e facer que así pasen menos tempo na plataforma social.
Estamos claramente nun empeoramento da experiencia do usuarios que só atende a un capricho de Musk, que o propietario de X defende de xeito pouco sólido, xa que argumenta que eliminar a información reduce o clickbait (cando é todo o contrario, xa que o contido ligado pode ser totalmente diferente ao texto que o anuncia).
Este tipo de medidas deixan clara a posición de Musk, que busca converter a súa plataforma nun medio, competindo pola publicidade e a atención, e ignorando que boa parte da conversa que ten ligar en X xira ao redor do que publican os medios tradicionais, xa que son moi poucas as informacións que nacen en X, servindo a plataforma simplemente como un altofalante ou como un foro de debate.
Cómpre lembrar que dende que Musk está á fronte de X/Twitter o tráfico que vai da plataforma aos medios de comunicación caeu estrepitosamente, o que pode atribuírse tanto á caída de actividade en X como aos algoritmos da plataforma que fan que os contidos que levan aos usuarios a outras páxinas web perdan visibilidade. Esta situación reduce cada vez máis o interese dos medios de comunicación en ter unha presenza activa en X, o que pode ter un claro impacto a longo prazo (en contraste co que acontece en Facebook, onde está comprobado que os usuarios teñen menos interese na actualidade).

PUBLICIDADE