X permite que os usuarios que bloqueemos poidan ver as nosas publicacións

luns, 4 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Elon Musk leva un tempo querendo eliminar a función de bloqueo de contas de usuario en X (agás para as mensaxes directas) para facelo dun xeito relativo anunciou que «a función de bloqueo bloqueará que a conta poida interactuar, pero non bloqueará ver publicacións en aberto», medida considerada de xeito unánime un grande problema para unha boa convivencia na plataforma social.
Pese a que distintas fontes aseguraban que limitar as funcións de bloqueo en X podería supor a expulsión da aplicación de X da App Store ou da tenda de aplicacións de Google, así como tamén é de prever que supoña sancións de organismos europeos a facer máis doado o acoso a usuarios vulnerables, anunciaron que xa estaba a despregarse a actualización da función de bloqueo.
Na axuda de X deixan claro que a nova función de bloqueo permite que as contas que bloqueemos seguirán podendo ver as nosas publicacións, aínda que non poderán dar a gústame, responder ou volver publicar (pero, como fan moitos acosadores, poden publicar imaxes coas conversas para lanzar as súas mensaxes abusivas); os usuarios bloqueados poderán saber de tal bloqueo só cando visiten o perfil que os bloqueou (algo que non acontece no caso de que fose silenciado); e tampouco se recibirán notificacións das contas bloqueadas.
Basicamente as contas que bloqueemos non poderán interactuar coas nosas publicacións, seguirnos, enviarnos mensaxes directas, engadirnos ás súas listaxes ou etiquetarnos en fotografías. Pero advirten de que, aínda que as publicacións das contas bloqueadas non aparecerán normalmente na nosa cronoloxía, si é posible que as vexamos no caso de que as mencionen contas que sigamos ou se estamos mencionados nunha publicación xunto á conta bloqueada.
Estamos ante un cambio moi confuso, que non pediu ningún usuario, e que converte a X nun espazo menos seguro, dando a impresión de que responde unicamente a unha teima de Musk, quen considera persoalmente que o bloqueo atenta contra a liberdade, e que realmente os usuarios só deberían ter acceso á función de silenciar (que é basicamente ao que leva o cambio da función de bloqueo en X).