X podería chegar en breve a un acordo cos empregados despedidos de Twitter

xoves, 21 de agosto do 2025 Redacción

Máis de dous anos despois dos despedimentos masivos en Twitter, X acadou un principio de acordo para resolver a demanda colectiva presentada por centos de traballadores despedidos pouco despois da compra da rede social por parte de Elon Musk.
Segundo recollen documentos xudiciais en San Francisco, ambas as partes solicitaron atrasar unha vista prevista co obxectivo de ultimar os termos do pacto, o que abre a porta a que os antigos empregados reciban finalmente as indemnizacións que reclaman desde 2022 (e que poderían chegar a un total de 500 millóns de dólares).
Tras facerse coa compañía, Musk reduciu o cadro de persoal en preto dun 80 %, o que supuxo a saída de máis de 6.000 traballadores. O empresario comprometeuse a pagar tres meses de indemnización, mais a demanda asegura que moitos non cobraron a totalidade dese importe e algúns non percibiron nada. Ademais, os demandantes argumentaban que ese plan era menos favorable que o sistema de indemnización vixente desde 2019 en Twitter, que garantira ata seis meses de soldo base máis unha semana adicional por cada ano traballado.