X podería volver ao Brasil a vindeira semana

venres, 27 de setembro do 2024 Marcus Fernández

Os avogados de X no Brasil presentaron este xoves a documentación esixida polo Tribunal Supremo o pasado sábado e pediron o desbloqueo de X no territorio brasileiro argumentado que a compañía «adoptou todas as providencias indicadas (..) para o restablecemento do funcionamento da plataforma no Brasil».
A plataforma remitiu ao Tribunal os documentos que fan oficial o nomeamento de Rachel de Oliveira Villa Nova Conceição como representante legal de X no Brasil, indicando tamén un enderezo físico no que poder recibir citacións e notificacións.
Os documentos están á espera de seren recibidos polo maxistrado Alexandre de Moraes, para decidir o levantamento do bloqueo de X no Brasil, que prevén que se formalice a primeiros da semana que vén en vista da colaboración de X coa Xustiza brasileira.

ACTUALIZACIÓN: Finalmente o Tribunal Supremo do Brasil decidiu que X retomará as súas actividades no territorio brasileiro en canto pague integramente a multa de 10 millóns de reais (1,6 millóns de euros) por incumprir durante 2 día a orde xudicial de suspensión das actividades no país.
Aparte diso, tamén é preciso que Starlink e X acaten a decisión xudicial a través da que embargaron das contas de Starlink Brasil as multas correspondentes a X (polo que deberán retirar os recursos presentados). A representante legal da empresa tamén debe pagar outra sanción pendente.
Dado que X presentou probas do cumprimento das esixencias xudiciais que levaron ao seu bloqueo no Brasil (como eran o bloqueo de certos perfís e contar con representación legal no país), xa non hai motivo para manter as restricións á plataforma social unha vez que satisfagan as sancións que restan por aboar.