XCOM: Enemy Unknow chegará a iOS no verán

luns, 25 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Tras unha magnífica acollida en consolas domésticas e PC, anunciouse que o xogo XCOM: Enemy Unknown ía contar con versión para OS X, lanzamento que producirase finalmente o vindeiro 25 de abril grazas ao traballo de Feran Interactive, pero a cousa non vai quedar aí, e 2K e Firaxis Games anuncian que este galardoado xogo de estratexia por quendas terá no verán unha versión para iOS, de xeito que os usuarios de iPhone, iPod Touch e iPad poderán xogar a protexer á raza humana dunha invasión alieníxena.
En XCOM: Enemy Unknown tanto hai que repeler ataques dos invasores como xestionar bases de operacións, asignar recursos e estudar tecnoloxías alieníxenas para a súa asimilación, o que facilitará a defensa do planeta Terra. Dende Firaxis Games tiñan dúbidas de que fose posible levar o seu xogo a iOS, pero grazas ás facilidades que achega Unreal Engine a conversión deste título foi relativamente doada, polo que tiveron que centrar os esforzos en adaptar a interface de uso para pantallas táctiles, o que foi un tanto máis difícil no caso das pantallas do iPhone e o iPod Touch, mentres que no iPad o xogo parece atoparse na súa salsa.
XCOM: Enemy Unknown non será unha versión inferior do xogo, senón que pretende ser unha conversión bastante directa, á que só eliminaron algúns mapas para reducir o seu tamaño, aínda que é de agardar que non saia a un prezo moi reducido, pois procurarán achegar o xogo completo, sen abusar dos contidos descargables de pagamento como fan moitos outros xogos ultimamente.


Presentación da versión para iOS do xogo

PUBLICIDADE