XCOM: Enemy Unknown e Forza Horizon estrean demos

martes, 9 de outubro do 2012 Marcus Fernández

O Bazar de Xbox LIVE recibiu esta tarde 2 interesantes versións de demostración de vindeiros lanzamentos para a consola doméstica de Microsoft, que veñen a ser XCOM: Enemy Unknown e Forza Horizon, que poden descargar de balde dende hoxe os usuarios Gold, O xogo da franquía XCOM estreará demo para PlayStation 3 mañá mesmo, mentres que Forza Horizon é exclusivo de Xbox 360.
Forza Horizon é un novo xogo de carreiras de coches pertencente á franquía considerada como a máis destacable da presente xeración de consolas de videoxogos, que nesta entrega mestura a velocidade, a música e o estilo habitual da saga coa liberdade da carreira aberta. Na demo do xogo podemos probar varios eventos como o Horizon Festival e as carreiras na rúa, así como conducir e explorar unha sección do mapa completo do xogo. Este atractivo título chegará ás tendas o vindeiro día 26.
Pola súa banda, XCOM: Enemy Unknown, recupera unha saga clásica da man de Firaxis Games (recoñecidos polo popular Civilization) e convídanos a dirixir un equipo dunha formación paramilitar para combater un ataque extraterrestre. Chegará ás tendas de videoxogos o vindeiro venres en versións para PC, Xbox 360 e PS3.

XCOM: Enemy Unknow recupera unha bella franquía de estratexia por turnos

PUBLICIDADE