XGN R Encounter achegaranos as mellores experiencias coa impresión 3D e a realidade virtual

xoves, 3 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Este mes de outubro imos celebrar as novas tecnoloxías como se merecen: entre multitudes e contando cun amplo programa de actividades para intercambiar coñecemento, habilidades, recursos e confraternidade. Todo isto vén a conto porque a Feira Internacional de Galicia Abanca acolle do 11 ao 13 de outubro a décimo novena edición do histórico encontro informático xuvenil XGN R Encounter, que chega á súa terceira convocatoria con patrocinio e colaboración de R (19 edicións en total). A cita, que tamén contará co apoio da Consellería de Política Social, será unha ocasión de ouro para tomarmos o pulso ás tecnoloxías máis avanzadas.
Tal e como nos lembra a organización dende o Facebook de seu, a sección Hardware de XGN preséntase como unha oportunidade para que deixemos “voar a nosa imaxinación” na granxa de impresoras 3D (aberta dende o venres 11 a partir das 16.00 horas) ou, tamén, nos obradoiros de Realidade Virtual, que incluirán diversos kits para experimentar a fondo con eles (na Zona VR Experience, habilitada o venres e o sábado en horario de 10.00 a 22.00 horas, na que “teremos ao alcance da man sensacións únicas”, como por exemplo poñernos na pel dun sobrevivente dun apocalipse zombie, ou dun jedi manexando unha espada láser ao ritmo da música, ou dun artista da rúa debuxando cun spray sobre as paredes).
Nesta edición, a macro-quedada volve contar coas súas tres zonas: a Intranet, na que os inscritos poderán gozar dun posto con conexión á rede que lles permitirá navegar a 10 Gbps de velocidade e terán dereito tanto a acampar no interior do pavillón como a participar en torneos exclusivos; a Extranet, cun completo programa de actividades tanto para rexistrados como para visitantes, e a súa Zona Expositiva, con presenza de empresas relacionadas co material informático, novas tecnoloxías e lecer electrónico.
A cita abrirá as súas portas de xeito non oficial o día 10 pola tarde. A apertura “oficial” será o día seguinte.
Haberá melloras e novidades, co obxectivo de situar o encontro entre os máis importantes de España: na cabeza da clasificación das partys estatais. Segundo informa R, para tal fin “serán determinantes” os vencellos coa rede de Encounters do Grupo Euskaltel a través da súa Fundación, que vén desenvolvéndose en Euskadi desde hai 25 anos, e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter, a Araba Encounter e a Technium R Encounter de Ourense.
A última edición da cita galega, que se celebrou do 12 ao 14 de outubro do ano pasado, supuxo “un gran paso nun proxecto de crecemento que xa comezara na súa convocatoria anterior e que en 2018 destacou pola notábel cantidade e calidade das actividades, o maior confort dos asistentes e a gran estabilidade da rede”, sinalan as entidades organizadoras, que salientan tamén o alto número de inscritos na dita convocatoria, que ascendeu a preto de 900 (fronte aos 800 da cita anterior).
Sinalar tamén que aínda está aberto o prazo para facermos a nosa reserva para participar en XGN, e que se pode formalizar rapidamente a través da web do encontro informático xuvenil.

PUBLICIDADE