XGN R Encounter arrinca mañá con preto de 800 inscritos

xoves, 6 de outubro do 2022 Redacción

Todo preparado no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca para a 22ª edición de XGN R Encounter, a cal se pon marcha mañá con preto de 800 inscritos que poderán desfrutar ata o vindeiro domingo dunha gran cita coa informática e as TIC. Os rexistrados na LAN party disporán dun posto para o seu equipo informático con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén dun amplo programa de propostas e torneos exclusivos. Todos eles terán a posibilidade de navegar, grazas a R, a unha velocidade de até 20 Gbps.
Estes participantes na Intranet da XGN R Encounter xa poderán comezar a acreditarse e instalarse desde primeira hora desta tarde, cando a LAN party abre as súas portas de forma non oficial para realizar probas e facilitar o acceso, aínda que o evento e o programa non comezarán ata mañá.
Aprendizaxe, intercambio de experiencias e diversión serán os eixos dunha cita que se desenvolverá xa no seu formato completo nos dous pavillóns principais do recinto, de 10.000 metros cadrados cada un deles. Así, tras celebrase online en 2020 e facelo de forma presencial para inscritos en 2021, este ano recupera tamén a súa área de acceso libre no recinto, cuxas actividades se realizaron na pasada edición a través de internet porque a pandemia aínda o esixía.
Esta zona aberta, denominada Extranet, contará durante os dous primeiros días da LAN party cun completo programa ao que poderán acceder gratuitamente os rexistrados e tamén os visitantes que se acheguen de forma ocasional. A volta á presencialidade deste espazo permitirá retomar actividades con gran atractivo.

Numerosas actividades

O programa da XGN R Encounter 2022 sumará na Intranet e a Extranet máis de 50 propostas lúdicas e formativas con interesantes novidades.
En canto ás actividades dirixidas exclusivamente aos inscritos, a Intranet da XGN R Encounter incluirá competicións de arte dixital, centradas en curtametraxe, gráficos 3D, ilustración e música dixital, concurso de dobraxes e fotografía, retoque fotográfico, fast compos e anime music vídeo. Ademais, en hardware contará con diversas actividades, entre elas modificación e personalización de equipos, talleres de hidroimpresión (consiste na transferencia dun deseño impreso nunha lámina a calquera obxecto que entre nunha cubeta) ou experiencias de realidade virtual.
Así mesmo, os participantes poderán tomar parte, no apartado de software libre, no AI Contest, unha proba centrada en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo. Ademais, organízanse máis dunha ducia de torneos de numerosos videoxogos, entre eles League of Legends, Valorant, Rocket League, FIFA 22, Mario Kart 8 ou Street Fighter V e, como sempre, o trivial de cinema e de xogos, a competición de avións de papel papers flight simulator ou o Game of encounter: A casa da org, un torneo con gran número de probas.
A Extranet, pola súa banda, incluirá durante os dous primeiros días da LAN party conferencias como Monta a túa web dende cero, Ivao, simulando o ceo ou Materiais baratos para iniciarse no cosplay (actividade consistente en usar disfraces e accesorios para representar un personaxe de videoxogo, cinema, manga ou cómic), e tamén talleres para programar un sensor que mida a calidade do aire, deseñar un reloxo con 60 leds que fan de segundeiro ou xogar ao fútbol cos Robots Dash. Así mesmo, Ivao (International Virtual Aviation Organisation) organizará eventos de simulación de voo e concursos virtuais de tomas suaves e voo nivelado.

PUBLICIDADE