Xa dispoñible en Xabarín.gal a nova serie galega Galiworld

xoves, 16 de outubro do 2025 S. P.

Galiworld, a nova serie de animación galega dirixida ao público infantil xa está dispoñible de forma aberta e gratuíta a través da plataforma Xabarín.gal. Trátase, en palabras da súa creadora, dun “proxecto que combina humor, valores educativos e accesibilidade”.
Dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 7 anos, a serie transcorre nun universo cheo de cor onde todas as personaxes son galiñas e pitos que viven pequenas aventuras na cidade máis divertida da televisión galega.
Galiworld é unha creación da realizadora galega Anita Pico, con música orixinal de Luis Álvarez Cabado, producida polo estudio coruñés Henfunk Studio. Composta por 8 episodios de aproximadamente 5 minutos, cada capítulo remata cunha canción educativa que reforza a mensaxe didáctica a través da música e o humor.
Explica a súa creadora que a gran singularidade da serie é “que non ten diálogos, o que a converte nun contido plenamente accesible, tamén para crianzas con discapacidade auditiva ou necesidades educativas especiais”. Deste xeito, o humor visual e a acción “funcionan como ferramentas para transmitir valores como a amizade, a convivencia e o respecto pola diversidade”, sinala, salientando tamén que estamos ante “un recurso educativo útil en educación infantil e primaria, promovendo a creatividade e o uso do galego en contextos lúdicos e pedagóxicos”.