Xa é oficial a Xbox One S sen lector de discos

martes, 16 de abril do 2019 Marcus Fernández

As filtracións que apuntaban a unha nova consola de Microsoft sen unidade de disco óptico resultaron ser certas, e por fin é oficial a nova Xbox One S All-Digital Edition, consola que poderá mercarse a partires do 8 de maio a un prezo recomendado de 229,99 euros (aínda que na tenda en liña de Microsoft prometen entregar as reservas a partires do 7 de maio), incluíndo mando sen fíos, 1 TB de disco duro e os xogos Minecraft, Sea of Thieves e Forza Horizon 3.
Con esta nova consola Microsoft quere promover que os xogadores dean o salto ao dixital, ou seca, que teñan a súa colección de xogos na nube e, amais, que contraten o servizo Xbox Game Pass para poder gozar dun catálogo de máis de 100 xogos para poder ter sempre a man títulos cos que poder pasar un bo momento.
Pese a carecer de lector de discos Blu-ray de 4K, a nova Xbox One S continuará sendo compatible coa reprodución de vídeo en 4K con HDR, de xeito que a súa face multimedia mantén boa parte do seu atractivo, pois cómpre salientar que a venda de películas en Blu-ray 4K en territorios como o español é realmente insignificante, polo que non parece que vaia ser moitos os xogadores que boten en falta un reprodutor de películas en soporte físico.
Paralelamente Microsoft tamén anunciou que ao logo do ano vai lanzar Xbox Game Pass Ultimate, un servizo de subscrición que combinaría Xbox Game Pass con Xbox LIVE Gold, cun prezo que nos EE.UU. sería de 14.99 dólares/mes, ou sexa, que suporía un aforro do 25% fronte á contratación por separado de ambos servizos, aínda que dá a impresión de que Microsoft o que busca comprobar se o mercado está listo para unha suba de prezo de Xbox LIVE Gold xustificada a través dunha mellora das súas prestacións.
Os membros da comunidade Xbox Insider comezan hoxe a recibir invitacións para probar Xbox Game Pass Unlimited antes do seu lanzamento (do que aínda non se aventuran a adiantar a data).

Vídeo de presentación da Xbox One S All-Digital Edition

PUBLICIDADE