Xa é posible xogar ás edicións de luxo de Marvel’s Avengers

martes, 1 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Aínda que o xogo Marvel’s Avengers non sae oficialmente até o vindeiro venres, o seu lanzamento efectivo realízase hoxe mesmo, xa que os usuarios que se fixesen coas edicións de luxo do xogo xa poden acceder ao mesmo en Xbox One, PlayStation 4, PC e incluso en Stadia. Este acceso anticipado de 72 horas é cada vez máis habitual, e resulta curioso ver como esa mesma estratexia tamén está a aplicarse en plataformas de xogo na nube como a de Google.
As edicións de luxo que permiten este acceso anticipado ao xogo tamén inclúen atavíos exclusivos para os protagonistas e placas de identificación exclusivas.
Aproveitando esta estrea parcial do xogo, dende Crystal Dynimics desvelan un interesante detalle sobre o primeiro contido descargable que recibirá o xogo tras o seu lanzamento, que incluirá unha nova fichaxe ao equipo dos Avengers: a arqueira Kate Bishop, protexida de Hawkeye na banda deseñada. Bishop participará nunha misión contra IMA na que tamén aparecerá un novo malvado ao que poder enfrontarse, do que aínda non desvelaron a identidade. Hawkeye tamén contará cunha operación de seu, de xeito que poderemos vivir experiencias dende ambos puntos de vista, o que probablemente denotará as grandes diferenzas de carácter dos arqueiros máis célebres da Marvel.
O xogo non se limitará a unha campaña, senón que contará con ciclos de partidas diarios e semanais, que achegarán novo contido periodicamente, podendo sumarse progresos a diario, garantindo así horas de diversión para os que queiran espremer este título ao máximo.

PUBLICIDADE