Xa está aberto o prazo de votación para escoller os vídeos gañadores do público en Galetiktokers

mércores, 5 de novembro do 2025 S. P.

Desde as 11.00 horas deste 5 de novembro e ata as 11:00 horas do venres 7 de novembro está aberto o prazo para votar a través de Instagram polos vídeos presentados ao concurso Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Ames, que pretende estimular a creatividade da rapazada animando á creación audiovisual en galego.
Este ano presentáronse un total de 56 vídeos que foron creados por máis de 100 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia como Vilagarcía de Arousa, Ferrol, Ourense, etc.
Nesta edición incrementouse moito, tamén, o número de vídeos creados, xa que na edición de 2024 presentáronse 39 pezas audiovisuais.
Na primeira categoría (dirixida a mozas e mozos de 13 a 17 anos) presentáronse 28 vídeos que foron creados por máis de 70 participantes. Na segunda categoría (para persoas a partir dos 18 anos, sen límite de idade) hai outros 28 vídeos admitidos, realizados por 35 persoas.
Os 56 vídeos presentados ao certame optan unha vez máis a un total de 1.800 euros, repartidos en seis premios de 300 euros. Catro dos premios (os dous vídeos mellor valorados en cada unha das categorías) decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais. Os outros dous serán escollidos polo público a través do Instagram de Xuventude Ames. Deste xeito, cada categoría recibirá tres galardóns: dous do xurado e un do público.
Votación para o premio do público
O prazo para presentar vídeos rematou o 30 de outubro. Agora abre un prazo de dous días (dende as 11.00h de hoxe, 5 de novembro, ata as 11.00h do venres, 7 de novembro) para votar a través de Instagram polos vídeos presentados ao concurso Galetiktokers. Todas as pezas admitidas xa están subidas ao Instagram de Xuventude Ames XA! (@xuventudeames) co cancelo #galetiktokers.
Deste xeito, dous dos premios serán os escollidos polo público, que dispón de 48 horas para facerse seguidor/a do perfil de Instagram de Xuventude Ames XA! (@xuventudeames) e votar polos seus vídeos favoritos. A votación do premio do público realizarase a través dos reels publicados no perfil @xuventudeames. As publicacións que acumulen maior número de “gústame” serán as que se fagan co galardón.
Premios do xurado
Ademais, nos vindeiros días reunirase o xurado, para valorar as pezas presentadas e determinar os premios do xurado (catro premios). O xurado está formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, que valorarán o atractivo das pezas no seu conxunto, tanto na forma como no contido, tendo en conta aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística.
Nesta sexta edición o xurado está composto por Edit Iseo Agilda Bolaño, artista multidisciplinar; Noelia Francisco Lens, experta en comunicación; e Miguel Barbazán Lesta (@miguelblesta), creador de contido en galego. En representación do Concello de Ames, actuará como secretaria a técnica de Mocidade e Información Xuvenil, Pilar Villaverde Cutrín.
Todos os galardóns serán entregados nunha gala que se celebrará o sábado, 22 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Proximamente daranse máis detalles da gala de entrega de premios do VI certame Galetiktokers.