Xa está dispoñible o novo Microsoft Flight Simulator

martes, 18 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Por fin está de volta o grande simulador aéreo de Microsoft, que podemos mercar para o noso ordenador con Windows 10 tanto a través de Steam como na tenda dixital de Microsoft a un prezo que parte dos 69,99 euros, dando a entender que o xeito máis racional de facerse con este título é contratar o Xbox Game Pass para PC, que custa 1 euro o primeiro mes e logo 3,99 euros/mes, contando como máis de 100 xogos para PC a maiores.
O lanzamento deste novo Microsoft Flight Simulator pode verse como un grande reclamo para as mencionadas subscricións ao Game Pass, así como para demostrar as posibilidades da tecnoloxía na nube de Microsoft, que desta volta tirou proveito de Azure AI e Bing Maps para conseguir un grande nivel de realismo, exactitude e autenticidade ao voar sobre o mundo real.
Este impresionante simulador de voo soporta pantallas 4K con HDR, de xeito que pode producir gráficos realmente impresionantes, aínda que a súa precisión vai moito máis aló do visual, de xeito que podemos perfeccionar as nosas habilidades de pilotaxe en diversos tipos de aeronaves, que van dende pequenas avionetas até grandes avións comerciais, levándonos a que nos adaptemos tanto ao vehículo aéreo empregado como ás condicións meteorolóxicas.
Pero a chegada deste xogo é só o comezo, pois irá recibindo novos contidos, non só por parte de Microsoft, senón tamén por parte de terceiros, de xeito que nos vindeiros meses poderemos ver como o Microsoft Flight Simulator continúa medrando en contidos e posibilidades (como a realidade virtual) até conseguir estar á altura da súa sona.

JPEG - 181.7 KB
O xogo reproduce escenarios reais grazas á tecnoloxía de Azure e Bing Maps

PUBLICIDADE