Xa está operativa en Menorca a tecnoloxía galega que leva entregas ás embarcacións

venres, 8 de xullo do 2022 S. P.

Os drons da compañía Drone To Yacht, impulsada pola galega Aerocamaras, estrearon no mediodía deste 8 de xullo en Menorca o seu servizo de entrega de produtos no mar. Ao redor das 13 horas comezaron os primeiros repartos de comida e bebida desde o restaurante anfitrión Miramar en dirección á embarcacións dende as que se fixeran previamente os pedidos. O arranque da operativa estivo marcado polo vento que condicionou o número de embarcacións previstas en Cala Blanca. Malia isto, durante as primeiras horas de operacións os drons da empresa levaron a cabo uns 10 pedidos a iates e embarcacións na costa da dita cala e as súas proximidades. Prevese que durante a fin de semana se leven a cabo ao redor de 50 pedidos por día.
A loxística foi “fácil e rápida”, en palabras dos clientes, que para facer os seus encargos tiveron que seleccionalos a través da aplicación móbil de Drone To Yach. Este servizo de luxury delivery ofrécese cun dron eléctrico 100% sustentábel desenvolvido pola compañía de Lalín Aerocamaras para poder facer envíos con carga de curta e media distancia. Ademais, conta coas vantaxes de ser un servizo rápido, silencioso, de contacto cero e respectuoso co medio ambiente.
Jaime Pereira, co-fundador de Drone To Yacht, dirixiu a operativa desta primeira xornada e destacou “a boa acollida de Menorca a través do restaurante anfitrión Miramar, que se converte en referente de innovación no uso de drons para delivery”. Jaime engadiu que “este servizo de luxo revoluciona o sector da hostalaría a nivel europeo ao ser a primeira compañía en executar estes envíos con drons e establecer un modelo de negocio que incrementa a clientela dos restaurantes asociados grazas ás novas aeronaves non tripuladas”.

PUBLICIDADE