Xa está operativo, con 15 establecementos adheridos, o marketplace da Praza de Abastos de Pontevedra

mércores, 23 de setembro do 2020 Sonia Pena

Pola banda de Pontevedra xa está en marcha, plenamente operativo e gañando adeptos cada pouco, un dos marketplace dos que están a proliferar na nosa terra, como medida de utilidade para loitar contra a crise sanitaria e económica a nivel local e tirar abaixo, precisamente, barreiras locais. Estamos a falar da plataforma Ponteabastos.com, que xa distribúe os produtos frescos de 15 establecementos do Mercado de Abastos entre os fogares da cidade. O reparto vén da man do emprendedor Jorge Eyo, que comezou este 21 de setembro o seu traballo a pé de rúa e porta por porta. O dito marketplace foi posto en marcha ao abeiro da plataforma #PonteLovers, da Concellería de Promoción Económica e Turismo.
O servizo, como dixemos, conta con 15 negocios da Praza adheridos, entre os que se inclúen carnicerías, peixerías, postos de marisco, froiterías e chacinerías: Frutería Pablo y María, Frutería Loli, Peixerías Rocío, Pescados Lolita, Pescadería Fina, Boutique Cárnica Celia Abal, Carnicería María, Macario Carniceros, Flores Clara, Pescados Mary Iglesias, Mariscos Soncha, Carnicería Montse, Pescadería Mari Carmen, Pescados Reyes e A Queixería.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, amosouse “entusiasmada” cunha plataforma online que, nas súas palabras, “resulta moi sinxela de empregar incluso para os máis leigos en novas tecnoloxías” e que permite acceder moi axiña ao produto desexado, que se poderá mercar por cantidades ou unidades (dende un quilo de tomate a unha pescada dun quilo) e recibir na casa a unha hora concreta ou na sede física de PonteAbastos, situada no primeiro andar do edificio da rúa Serra (opción Click and Collect).
O marketplace, que conta cun sistema de pago en liña seguro, permite controlar a elección dos produtos, o empaquetado e o transporte dos mesmos, “sendo de enorme utilidade na actual situación sanitaria e para todas esas persoas que non poden acudir tódolos días ao Mercado xa sexa por traballo, tempo ou distancia”, salientou a concelleira.

PUBLICIDADE