Xa están operativos os primeiros contedores smart de Lugo
venres, 6 de setembro do 2019
Este
xoves comezaron en Lugo as probas piloto de xestión intelixente de
refugallos sólidos urbanos, unha iniciativa desenvolvida ao abeiro
do proxecto Smart City local e dirixida a favorecer a eficiencia, a
eficacia, a automatización e a sustentabilidade en materia de
recollida de residuos. O
piloto incluíu o equipamento dos contadores con sensores conectados
que miden o volume de enchido.
A
posta en marcha da tecnoloxía foi supervisada polo concelleiro de
Medio Ambiente, Álvaro Santos, que explicou que “os colectores
novos veñen cun sistema individual de seguimento do nivel de
refugallos que acubillan” e que a proba piloto que arrinca esta
semana servirá para ver como responden estes equipamentos e cal é o
grao de adaptación dos mesmos á cidade.
O
edil comentou tamén que “no caso dos recipientes de cartón
procederase a modificar tamén o sistema de carga superior por un
sistema de carga lateral, o que permite que o baleirado do contedor
no camión de recollida sexa más rápido”. Isto, dixo, poría en
xogo outra vantaxe, que é unha moito menor interrupción do tráfico
con cada operación dos vehículos de recollida.
O
concelleiro confirmou que “os contedores unha vez finalizadas as
probas colocaranse na zona de Aguas Férreas e Acea de Olga, por unha
meirande facilidade de manobra na colocación, maior dispersión dos
roteiros para posteriores medicións de cobertura, e máis
estabilidade na produción de residuos”.
Segundo
engadiu, “a obtención de información sobre o estado de cada
contedor mellorará a recollida de residuos, xa que os camións
optimizarán as súas viaxes sen ter que pasar por recipientes medio
baleiros e recollerán os cheos con máis axilidade, o que evitará
impactos ao medio ambiente e axilizará o tráfico ao reducir o paso
de camións, co aforro en emisións de CO2 que isto implica”.
Santos
engadiu que a iniciativa abéirase á estratexia de Smart City posta
en marcha no anterior mandato pola alcaldesa Lara Méndez co
obxectivo de facer avanzar a cidade en materia de automatización,
xestión, optimización de recursos, comunicación, sustentabilidade
e ecoloxía. “Neste caso”, dixo, “non só se avanza nun modelo
de Cidade Intelixente senón tamén nun modelo de municipio
respectuoso co medio ambiente e á vangarda das solucións
sustentábeis, o que suporá unha mellora do benestar e da calidade
de vida da veciñanza lucense”.
O
edil lembrou que amais de coa recollida de residuos sólidos urbanos,
ao abeiro do proxecto smart estase a traballar xa na
implantación da Administración Electrónica, en sistemas de
xeolocalización para conseguir aparcadoiros intelixentes e na
eficiencia enerxética de edificios públicos e o alumeado público,
tanto no entorno urbano como rural.
O
proxecto Smart City conta cun orzamento de 4.112.801 euros,
financiado nun 60% cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional
(FEDER),mentres que o Concello de Lugo aporta o financiamento (1,6
millóns de euros).