Xa hai finalistas dos Premios Clúster TIC Galicia, que se entregan mañá en LibreCon

mércores, 28 de outubro do 2015 Redacción

O congreso LibreCon que comeza mañá na Cidade da Cultura de Santiago, amosando ante o mundo o noso espírito innovador e emprendedor en materia de software libre, vai acoller a entrega duns galardóns encamiñados -precisamente- a visualizar e recoñecer a nosa capacidade de achegar ao mercado recursos open source novos e referenciais. Falamos dos Premios Clúster TIC Galicia, convocados pola plataforma do mesmo nome, organizadora (tamén) do evento LibreCon xunto con AGASOL e ASOLIF. Os galardóns, que se estrean este ano, entregaranse este xoves. Segundo comunica o Clúster TIC, xa hai finalistas.
Foron dados a coñecer polo comité avaliador experto do certame, que cualificou o traballo de selección de “complicado”, dado o alto nivel das 34 candidaturas presentadas.
Os finalistas son:
· Categoría Innovación:
Avansig (A Coruña)
EGATEL (San Cibrao das Viñas)
Sinergia G6 (O Porriño)
· Categoría Internacionalización:
Igalia (A Coruña)
Quobis (O Porriño)
Optare Solutions (Vigo)
· Categoría Liderado TIC:
Altia CONSULTORES (A Coruña)
CPEIG (Santiago de Compostela)
Hewlett Packard Servizos (Santiago de Compostela)
· Categoría Startup:
Appentra Solutions (A Coruña)
Brookesia Design and Technologies (San Cibrao das Viñas)
Domesting (A Coruña)
· Categoría Software Libre:
Igalia (A Coruña)
Librebit (Vigo)
Paco&Lola (Meaño)
Os gañadores non se desvelarán até a gala de entrega dos premios.
Sobre a gala dos premios
Como dixemos, a gala terá lugar no marco do evento LibreCon 2015 o día 29 de outubro ás 19:30 h. na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. A asistencia é gratuíta previa inscrición. Por seren galardóns de honra que distinguen a calidade, os premios non comportan dotación económica, os gañadores recibirán un trofeo representativo e exclusivo.
Sobre os galardóns
Segundo informa o Clúster TIC Galicia, nacen para estimular e recoñecer o traballo de todos os axentes comprometidos co desenvolvemento do tecido produtivo baseado na Sociedade da Información. Con esta iniciativa, quérese pór de relevo ante a sociedade o labor das empresas, profesionais ou entidades que deseñan, programan, desenvolven, implantan ou usan produtos ou servizos galegos que teñen na innovación e no uso das novas tecnoloxías a súa razón de ser. A participación está aberta a todas aquelas empresas/entidades que realicen proxectos no campo das tecnoloxías da información e as comunicacións, ben sexa como provedores ou como entidades usuarias de produtos e servizos TIC galegos.

PUBLICIDADE