Xa non é preciso ter un mínimo de subscritores en YouTube para facer directos dende o móbil

xoves, 18 de maio do 2017 Marcus Fernández

O servizo de retransmisións de vídeo en directo de YouTube, pese a operar dende 2011, presentaba numerosos atrancos para facilitar a emisión de vídeo en streaming dende o móbil, de xeito que o ano pasado pedían como mínimo ter 10.000 subscritores nunha canle para poder emitir en vivo, e hai un mes reduciron o límite a 1.000 subscritores. Curiosamente, cando agora entramos na aplicación móbil de YouTube atopamos un botón vermello e branco cunha cámara na parte inferior dereita da pantalla anunciado como que serve para Emisións en directo, xa que finalmente decidiron facilitar os directos dende o móbil a boa parte da comunidade de usuarios de YouTube sen ter en conta o volume de seareiros que teñan.
A partires de agora para poder emitir en directo a través da aplicación móbil oficial de YouTube será preciso ter verificada a canle de YouTube e non ter recibido ningunha restrición das emisións en directo nos últimos 90 días, ou sexa, que agás que non respectemos o copyright ou teñamos algunha infracción por non respectar as normas de YouTube poderemos facer uso do vídeo en directo, de xeito que YouTube entra por fin na contenda con Instagram, Facebook e Twitter para facerse un oco no cada vez máis importante sector do vídeo en directo dende o móbil.

PUBLICIDADE