Xa podemos consultar online as máis de 2.500 actividades programadas por Cultura este verán
luns, 3 de xullo do 2023
A
programación cultural impulsada pola Xunta en colaboración con
distintas empresas e administracións locais (baixo o lema A
cultura de Galicia é un CulturON )porá o foco este verán no
“talento, profesionalidade e excelencia do sector” con máis de
2.500 propostas “diversificadas e repartidas por todo territorio”,
en palabras do conselleiro de Cultura e Educación, Román
Rodríguez, quen participou nun acto acompañado polo seu equipo no
que se presentou a oferta cultural para os vindeiros meses.
Esta
axenda, dixo, “reflicte o gran momento de crecemento e de
pluralidade creativa que vive a cultura galega” e “que deixará
pegada nos territorios nos que se ofrecerá xa que se prevé que
mobilice 4M€.”
O
acto foi presentado pola actriz Cristina Maró e contou coas
intervencións de Xoán Quintáns, director do Festival Revenidas, e
de Soledad Felloza, directora do Festival Internacional de Narración
Oral Atlántica. Ademais, a compañía Desastronauts realizou en vivo
un número aéreo para a ocasión. Nel amosouse tamén a campaña
CulturON que se porá en marcha esta semana en medios de comunicación
e redes sociais para informar a cidadanía desta oferta, con
recomendacións diarias e resumos semanais. Ademais, todas as
actividades poderán consultarse na Axenda
de Cultura de Galicia.
Como
explicou Román Rodríguez, o Goberno autonómico favorecerá a posta
en marcha, entre xullo e setembro, de máis de 2.500 actividades que
abranguen todos os ámbitos da cultura con propostas dirixidas a
todos os públicos, tanto en zonas urbanas como no rural.
Museos
Rodríguez
fixo mención á programación de 60 exposicións e máis de 200
actividades asociadas nos distintos museos e arquivos de xestión
autonómica, con visitas guiadas e divulgativas e obradoiros
familiares e infantís. Entre elas destacou Luz na Terra.
Seminario de estudos galegos: unha institución de alta cultura,
unha das grandes mostras do ano. Comisariada por Ramón Villares,
inaugurarase este 4 de xullo (martes) no Museo Centro Gaiás como
acto central da celebración do centenario da fundación.
A
ela súmanse, entre outras, as conmemoracións do 30 aniversario do
CGAC en Santiago ou a próxima inauguración de A Coruña no
tempo, dentro do gran proxecto expositivo Cidades no tempo
que percorre as sete principais cidades para reivindicar a Galicia
urbana na identidade e cultura galegas. Ambas arrancarán tamén en
xullo.
Artes
escénicas e musicais
A
programación cultural deste ano pon o foco de xeito especial no
rural dentro da estratexia para ampliar públicos e “garantir o
acceso á cultura a todas as persoas”, explicou o conselleiro,
salientando propostas como o programa de dinamización do rural
galego Territorio Cultura, para a que están previstos preto de medio
cento de espectáculos, ou as 300 actuacións do circuíto Cultura no
Camiño con propostas de artes escénicas e musicais en 88
municipios.
Tamén
destacou as arredor de 70 iniciativas de teatro e danza, como o
circuíto de teatro afeccionado de FEGATEa con 80 representacións e
un público estimado de 5.000 espectadores, ou a MIT de Ribadavia
que, na súa 39ª edición ofrecerá en xullo 20 espectáculos
procedentes de España, Italia, Arxentina e Portugal. Ademais, o
programa de música e baile tradicionais Danza 3 achegarase en verán
a máis dunha decena de concellos cos espectáculos de Xacarandaina,
O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos.
No
eido musical, Román Rodríguez referiuse aos máis de 300 festivais
de música, teatro e audiovisual, como os asociados a FEST Galicia.
Tamén destacan propostas para a música de cámara como o Festival
Bal y Gay con 13 concertos na Mariña lucense en agosto, o Festival
Groba de Ponteareas ou o de Música Relixiosa Barcia de Mera.
Audiovisual
e familiar
En
canto ao audiovisual o conselleiro enxalzou o programa Redecinema que
emprega o cinema como “ferramenta de dinamización lingüística
con 18 proxeccións cinematográficas ao aire libre durante este
verán noutros tantos concellos”. Tamén se apoiará, entre outras,
ao redor dunha decena de ciclos e semanas de cine nalgún dos 13
cineclubs galegos en colaboración coa Federación de Cineclubs de
Galicia.
Pola
súa banda, o programa Falaredes (Política Lingüística) terá 55
pases con actividades como espectáculos, monicreques e mesmo unha
exposición que percorrerá distintos concellos da Rede de
Dinamización Lingüística. Entre as accións, inclúense propostas
como Os Bolechas deportistas viaxan no tempo, que visitará 15
concellos co obxectivo de fomentar o uso da lingua galega no deporte
e os hábitos de vida saudábeis entre a rapazada.
Bibliotecas
As
bibliotecas públicas da rede que coordina a Xunta de Galicia
contarán con máis de 800 de actividades de dinamización da lectura
ao abeiro do programa Ler conta moito con contacontos,
monicreques, actividades musicais ou audiovisuais. A furgoteca,
o servizo de bibliotecas móbiles en 20 concellos das provincias de
Lugo e Ourense, propón actividades como obradoiros de alfabetización
dixital, escape rooms literarias, contacontos ou actividades
vinculadas á escritura creativa e ilustración.
Ademais,
no eido das letras, o circuíto de Feiras do Libro impulsado da man
da Federación de Librarías de Galicia fará parada en xullo en
Ponteareas e Rianxo e en agosto na Coruña, Viveiro, Foz e Monforte
de Lemos. E no referido ao patrimonio, celebraranse distintas visitas
divulgativas ás últimas intervencións realizadas.