Xa podemos inscribirnos no encontro galego de ciberseguridade Ciber.gal

mércores, 27 de outubro do 2021 S. P.

O Edificio Fontán da Cidade da Cultura acollerá os vindeiros días 10 e 11 de novembro o primeiro encontro galego de ciberseguridade Ciber.gal: unha relevante xuntanza sobre recursos e servizos para protexer a información e as comunicacións dirixida a empresas, cidadanía e administracións públicas. Durante dúas xornadas e a través de diferentes actividades e relatorios de expertos de referencia nacional e internacional, abordarase a importancia da ciberseguridade en Galicia así como as medidas necesarias para avanzar neste eido.
O encontro, segundo informou a axencia AMTEGA, impulsora do mesmo, divídese en tres bloques. O primeiro deles engloba actividades destinadas ao tecido empresarial, que se desenvolverá ao longo da mañá do día 10 de novembro. Haber paneis e charlas nas que se falará sobre as axudas para impulsar a ciberseguridade na empresa, sobre os riscos aos que se enfronta o tecido empresarial, cales son as súas consecuencias e as obrigas legais que lle afectan en materia de ciberseguridade. Expoñeranse proxectos de ciberseguridade como a iniciativa Cybersecurity in a box, promovida polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia e o ISMS Forum.
Para o colectivo da cidadanía (que será desenvolvido ao longo da tarde do 10 de novembro) contarase co concurso Ciberseguridade no cole! destinado aos menores organizado por Telefónica, e coa proposta Capture The Flag, organizado pola Cátedra R en Ciberseguridade e o Centro Tecnolóxico Gradiant. Tamén albergará intervencións da man de Gianluca D´Antonio, presidente de ISMS Forum, e contarase con actividades que falarán sobre a necesidade actual de talento en ciberseguridade e obradoiros que axudarán aos participantes a detectar e identificar ameazas.
No segundo día, destinado principalmente á administración pública, AMTEGA salienta a participación do Centro Criptolóxico Nacional; a intervención do divulgador Marc Vidal, e a celebración dun panel de debate que agrupa aos máximos responsábeis de organismos e entidades autonómicas con competencias en materia de ciberseguridade: a Axencia de Ciberseguridade de Cataluña, a Axencia Dixital de Andalucía, a Generalitat Valencia e a AMTEGA.
Neste encontro colaboran, ademais das xa mencionadas Teléfonica, Cátedra R e Gradiant, entidades como APDTIC, Cloud.gal, Abanca e Deloitte, entre moitas outras.
Lembrar que a inscrición é precisa para asistir a todas as actividades, tanto no formato presencial coma no formato en liña. Xa se pode facer a inscrición de balde a través da Rede.
O encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado mais de 30 entidades de diversos sectores, así como as tres universidades galegas.

PUBLICIDADE