Xa podemos votar en liña no certame 2025 dos Premios Benfeito

luns, 22 de setembro do 2025 S. P.

Imaxe de arquivo da gala de 2023 dos Premios Benfeito

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) informou da apertura das votacións da segunda edición dos Premios Benfeito de Consumo, uns premios bianuais que recoñecen a excelencia, a innovación e o compromiso coas persoas consumidoras das empresas asentadas en Galicia.
A UCGAL convida á cidadanía a participar no proceso de votación a través das súas canles oficiais “para que os Premios Benfeito de Consumo reflictan, un ano máis, a opinión real dos galegos e galegas”, sinalou a organización cidadá, engadindo que “entre todas as persoas que emitan o seu voto e completen a enquisa sortearanse dúas cestas de produtos galegos valoradas en 100 euros cada unha”.
Nesta edición, as candidaturas preséntanse en tres categorías. En Produtos Alimenticios compiten Gadis, Coren, Leite Río, Pescanova e Viña Costeira; en Servizos, as finalistas son Xenera, Monbus, Caixa Rural, Be One e Alda Hotels; e en Produtos Non Alimenticios optan ao premio Pérez Rumbao, Bimba y Lola, Cocinas Santos, NUMAX e Sargadelos.
A UCGAL salienta os destacados resultados da primeira edición do certame, celebrada en 2023: Estrella Galicia acadou o recoñecemento en Produtos Alimenticios; Naviera Mar de Ons impúxose en Servizos; e Droguerías Arenal foi distinguida en Produtos Non Alimenticios.
“Coa súa segunda edición, os Premios Benfeito de Consumo consolídanse como unha cita bianual de referencia en Galicia, chamada a fixar estándares de calidade e responsabilidade no mercado. Estes premios fortalecen unha plataforma estable de visibilización de boas prácticas, achegan evidencias que orientan a toma de decisións públicas e privadas e reforzan a confianza entre o tecido empresarial e a cidadanía”, salientou UCGAL, engadindo que a continuidade destes galardóns “reafirma o compromiso da Unión de Consumidores de Galicia cun marco duradeiro de diálogo e corresponsabilidade entre empresas, entidades e as asociacións que representan ás persoas consumidoras”.