Xa se coñece o palmarés do X certame de subtitulado en galego de vídeos TED

venres, 12 de decembro do 2025 S. P.

A edición número dez do certame de lexendado (subtitulación) ao galego de vídeos TED de divulgación científica acaba de dar a coñecer o nome das persoas gañadoras. Na modalidade específica para a comunidade universitaria da USC resultou vencedora Irene Tejado Montero, polos subtítulos Os impostos dos ricos salvarán o planeta, elaborados para o vídeo Tax the rich — and save the planet, de Esther Duflo; mentres que na categoría dirixida a persoas alleas á USC, impúxose Laura Rey Otero polos subtítulos Como acabar coa malaria dunha vez por todas, elaborados para o vídeo How to end malaria once and for all, de Abdoulaye Diabaté. Ambas as premiadas recibirán 300 euros cada unha e o seu correspondente diploma honorífico.
Na categoría USC o segundo premio, dotado con 250 euros e diploma honorífico, foi parar a mans de Ana Marino Fernández, polos subtítulos Un novo salvavidas para os arrecifes de coral do mundo, elaborados para o vídeo A new lifeline for the world’’s coral reefs de Theresa Fyffe. Na categoría allea á USC, Yolanda Casás Fuentes, polos subtítulos O que non se conta da intelixencia artificial, elaborados para o vídeo Beyond the Surface of Artificial Intelligence de Saara Paudyal, fíxose cos 250 euros e diploma correspondente ao segundo premio. 
Finalmente, Ruth Prieto Collado, polos subtítulos O relato que configura a nosa relación coa natureza, elaborados para o vídeo The story that shapes your relationship with Nature de Damon Gameau, recibirá os 200 euros e diploma correspondente ao terceiro premio da modalidade USC. 
O concurso de subtitulación ao galego de vídeos TED de divulgación científica pretende estimular a presenza do galego na comunicación e a divulgación científica e de fomentar a existencia de recursos divulgativos audiovisuais neste idioma. 
O concurso #TEDSaúde, impulsado hai nove anos polo Servizo de Normalización Lingüística da USC para promover o subtitulado en galego de charlas e vídeos TED de ciencias da saúde, ampliouse en 2024 e abriuse ao lexendado de vídeos TED de divulgación científica en calquera ámbito, cambiándolle o título a #traduceTED.