Xa se pode descargar I+C, traballo colectivo sobre as posibilidades da Rede na nosa cultura (e viceversa)

venres, 11 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

I+C: Oportunidades e Desafíos para a Cultura Galega en Internet é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega e das Consellerías de Innovación e Cultura encamiñada a poñer un pouco de reflexión alí onde todo semella balbordo e unha corrente continua de desenvolvementos para os que non sempre parece haber instrucións de emprego. O proxecto ten dúas feituras (unha publicación que xa podemos descargar da Rede en pdf e máis unha xornada no marco de Cultur.gal) e dous obxectivos principais: saber a ciencia certa que pode facer a Sociedade da Información pola cultura e identidade galega e que podemos facer nós os galegos por enriquecelas e expandilas. En termos do Consello da Cultura Galega, I+C é un instrumento para afondar “na efervescencia da Rede dende unha ollada plural e multidisciplinar”.
Asemade, poderíamos engadir outro obxectivo: conmemorar a festividade das nosas Letras no eido do festividade de Internet (tamén o 17 de maio), e viceversa.
Na publicación participaron o sociólogo Fernando Garrido, o avogado e especialista en dereito de Internet Víctor Salgado, o profesor Francis Pisani e representantes da industria cultural galega en Internet: Sergio Lago, de Falcatruada (discográfica), Moisés Barcia, editor de Rinoceronte Editora, Xesús Iglesias, director da Televisión de Galicia, Henrique Torreiro, editor de cómic e Pancho Casal, produtor de Continental Producciones, avanzan a súa visión da web e os seus proxectos nela para os vindeiros anos. Tamén colaboraron o mestre Xan Bouzada, a xornalista Belén Regueira, os blogueiros Manuel Bragado, Manolo Gago e Marcos Valcárcel e o economista Carlos Neira. Asemade, este que escrebe tamén botou unha man na iniciativa en calidade de redactor desta web, Código Cero, estreitamente vinculada ás novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE