Xa se pode solicitar en liña o voto por correo para as Eleccións Xerais

mércores, 31 de maio do 2023 S. P.

Correos informou de que xa é posíbel solicitar en liña o voto por correo para as Eleccións Xerais que se celebrarán o domingo, 23 de xullo de 2023. Os electores que decidan votar a través deste método poderán solicitalo antes do día 13 de xullo (inclusive) por vía telemática ou presencialmente en calquera oficina de Correos de España.
Solicitude online
Os electores poden solicitar o seu voto a través da web de Correos, sen ter que acudir en persoa a unha oficina postal. Neste modelo de solicitude ten a vantaxe principal de evitar desprazamentos. O interesado debe acreditar a súa identidade mediante sinatura electrónica e aceptándose como sistemas de identificación válidos os certificados de persoa física recoñecidos polo Ministerio de Industria e o DNI electrónico (DNI-e). Tamén é preciso que o ordenador dende o que se presenta a solicitude teña instalada a aplicación de AutoFirma.
Solicitude de voto por correo en oficinas
A solicitude de voto por correo pode realizarse en todas as oficinas de Correos de España. Esta petición debe ser realizada persoalmente por cada elector, salvo en caso de enfermidade ou discapacidade (acreditada mediante certificación médica oficial) que lle impida a formulación persoal da devandita petición. Neste caso pode ser presentada en nome do elector por outra persoa autorizada de xeito notarial ou consular.
No momento de formular a solicitude, as persoas interesadas deben acreditar a súa identidade presentando ante o empregado da oficina postal o DNI, pasaporte ou carné de conducir orixinais.
Co obxectivo de “axilizar os trámites e evitar esperas”, a compañía ofrece a opción de cita previa para a solicitude do voto en oficinas, a través da aplicación móbil de Correos, a súa web ou a Oficina Virtual. O elector só debe seleccionar a oficina dispoñíbel que teña cita previa e, por último, elixir o día e a hora que máis lle conveña.
Correos entregará as solicitudes recibidas nas delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral, quen enviará aos solicitantes, a partir do 3 de xullo, a documentación necesaria para que poidan exercer o voto por correo.
O prazo de depósito do voto por correo finalizará o 19 de xullo de 2023.

PUBLICIDADE